Monday 06 de May de 2024

Fabiola García anima á mocidade a facer de Galicia unha terra máis creativa, viva e inquieta na final da 14ª edición d Xuventude Crea


 Esta iniciativa leva catorce anos dando a coñecer as obras de mozos de entre 16 e 30 anos en distintas disciplinas artísticas

 Como novidade, este ano fomentarase a participación dos gañadores na categoría de música nos festivais de música galegos

 Tamén se impulsará a mentorizaxe e a formación para a creación de compañías de teatros e, como en anos anteriores, publicarase a obra gañadora en Novela Curta a través da editorial Xerais

 O Goberno galego tamén creou un museo dixital do Xuventude Crea no que dan a coñecer as obras gañadoras durante os últimos anos

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, animou á mocidade a facer de Galicia unha terra máis creativa, viva e inquieta na final da 14ª edición do programa Xuventude Crea que tivo lugar esta mañá na cidade da Coruña. Durante o acto, ao que tamén asistiu o delgado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, fíxose entrega dos premios aos gañadores e finalistas deste ano nas catorce categorías.

A conselleira lembrou que o programa Xuventude Crea leva catorce anos premiando o talento da xuventude galega, dando a coñecer as súas obras e facendo realidade os seus soños. En concreto, neste tempo participaron nesta iniciativa máis de 4.700 mozos de entre 16 e 30 anos e repartíronse máis de 580 premios en distintas disciplinas artísticas como a danza moderna, a novela curta, a creación de videoxogos ou en cociña, por exemplo.

Así mesmo, Fabiola García sinalou que este premio é tan só un primeiro impulso para que os mozos artistas leven a súa carreira tan lonxe como desexen. Neste sentido, apuntou que o Goberno galego trata de apoiar este proceso a través de iniciativas como a creación do museo dixital do Xuventude Crea, para consultar e dar a coñecer as obras gañadores dos últimos anos.

Carteis dos festivais de música
Ademais, este ano tamén se fomentará a participación dos gañadores na categoría de Música nos festivais de música galegos; impulsarase a mentorizaxe e a formación para a creación de compañías de teatro dos participantes nesta disciplina; publicarase, como en anos anteriores a través da editorial Xerais, a obra gañadora da categoría de Novela Curta; e tamén se presentaron as obras gañadoras en videocreación durante o festival Cineuropa, que ten lugar en Santiago; e celebrouse a final de videoxogos no marco do festival Expotaku da Coruña.

Os gañadores en cada categoría reciben ademais un premio en metálico de 3.000 euros para o primeiro premio, 1.500 para os segundos clasificados e de 1.000 euros para os terceiros. A conselleira felicitou aos gañadores polo seu talento e lembroulles que contan co apoio da Xunta de Galicia para poder expresarse por medio das distintas disciplinas artísticas. Así mesmo, tamén fixo fincapé naqueles programas impulsados polo Goberno galego para apoiar á xuventude como o Xuventude Mentoring, o Xuventude Mentoring na empresa ou o programa Iniciativa Xove.